CIGAT Circular entra na última fase de validación experimental das tecnoloxías para a simbiose urbano-industrial

O Centro Mixto de Investigación CIGAT Circular entra na fase final de validación experimental das solucións tecnolóxicas desenvoltas previamente no ámbito do ciclo da auga para a súa aplicación na industria. Esta nova etapa permitirá avaliar o potencial real das innovacións, impulsando a simbiose urbano-industrial como clave para a economía circular. 

Valorización de residuos urbanos e gandeiros

  • A tecnoloxía de obtención de Ácidos Graxos Volátiles (AGV), inicialmente testada con lodos, aplicarase agora á FORSU (Fracción Orgánica dos Residuos Sólidos Urbanos)

Os AGV son produtos de alto valor engadido con múltiples aplicacións na industria química, petroquímica ou farmacéutica, que actualmente se siguen producindo a partir de recursos fósiles. No marco de CIGAT Circular desenvolveuse unha tecnoloxía que permite obter estes produtos a partir dun proceso de valorización de residuos orgánicos, contribuíndo así á descarbonización do territorio e ao impulso da economía circular.

Na primeira fase de CIGAT Circular escalouse a tecnoloxía de obtención e purificación de AGV de orixe biolóxico a partir de lodos de depuradora urbana, obtendo resultados moi satisfactorios na planta piloto de 1,5 m3 instalada na ecofactoría de Ourense -xestionada por Viaqua– e acadando un produto apto para a formulación de limpadores de superficie multiusos competitivos no mercado. Tras este éxito, nesta segunda fase óptase por ir máis aló do ciclo urbano da auga e aplicar a tecnoloxía desenvolta ao ciclo dos residuos urbanos. Así, validarase o uso da tecnoloxía desenvolvida cun novo substrato: a fracción orgánica dos residuos sólidos urbanos (FORSU), que se recibirá grazas a colaboración do Concello de Santiago e Urbaser SA co proxecto. O uso deste novo residuo sólido fai necesaria a ampliación da planta piloto de obtención de AGV, incluíndo unha etapa adicional de acondicionamento da FORSU, que xa está instalada na planta piloto ubicada en Santiago de Compostela, no polígono do Tambre.

Planta piloto de obtención de AGV situada na Ecofactoría de Ourense
  • A tecnoloxía de recuperación de amoníaco a partir dos escurridos da Ecofactoría de Ourense probarase agora en puríns gandeiros, ampliando o seu potencial no sector agroindustrial

A recuperación de amoníaco a partir de augas residuais para o seu uso como vector enerxético é un tema de investigación emerxente no campo da enerxía e o tratamento de augas. Durante a primeira fase de CIGAT Circular desenvolveuse unha tecnoloxía innovadora de recuperación de amoníaco a partir da corrente de dixestato da dixestión anaerobia de fangos de depuradora.  Os primeiros resultados en planta piloto mostraron recuperacións do 50% do amoníaco presente na corrente residual e actualmente estanse levando a cabo procesos de optimización que, xunto coa análise da viabilidade económica e a sostibilidade ambiental, permitirán avaliar o potencial da implementación da tecnoloxía a gran escala.

Na última fase de CIGAT Circular aplicarase a tecnoloxía desenvolvida para a recuperación de amoníaco a partir de puríns xerados no sector gandeiro galego. O tratamento de valorización dos puríns proposto permitirá a xestión eficiente e a prevención da contaminación de augas superficiais e subterráneas en Galicia.

Planta piloto de recuperación de amoníaco situada
na sede de Cetaqua Galicia, no polígono do Tambre

Impulso da ferramenta dixital para a simbiose industrial 

Paralelamente ao desenvolvemento das tecnoloxías comentadas, avanzouse na implementación da plataforma dixital co obxectivo de conectar produtores de residuos con industrias consumidoras dos produtos de alto valor obtidos, fomentando así a integración de novas cadeas de valor circulares. Para iso, creouse unha páxina web que funciona como un buscador que permite, por unha banda, aos produtores de residuos calcular a cantidade de produtos de valor engadido que se obterían a partir do seu residuo, e por outra, aos consumidores de produtos ver a partir de que residuo urbano ou industrial se poden obter os produtos de interese e a que prezo.

Share:

More news

CIGAT Circular completa a súa terceira anualidade con importantes avances

A terceira anualidade do Centro Mixto de Investigación CIGAT Circular permitiu avanzar no desenvolvemento das actividades planificadas, destacando a posta... View Article

O conselleiro de Ciencia e a directora de Gain coñecen os proxectos de innovación que Cetaqua e Viaqua están desenvolvendo en Galicia

O conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional, Román Rodríguez González, visitou esta mañá, xunto á directora da Axencia... View Article

CIGAT Circular: Contribuíndo á descarbonización de Galicia

O Centro Mixto de Investigación CIGAT Circular propón un modelo integral para converter os residuos de orixe industrial, urbano, agrícola... View Article