O conselleiro de Ciencia e a directora de Gain coñecen os proxectos de innovación que Cetaqua e Viaqua están desenvolvendo en Galicia

O conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional, Román Rodríguez González, visitou esta mañá, xunto á directora da Axencia Galega de Innovación (Gain), Carmen Cotelo Queijo, a Ecofactoría de Ourense xestionada por Viaqua, para coñecer os proxectos que Cetaqua Galicia está desenvolvendo, así como os avances do Centro Mixto de Investigación CIGAT Circular localizado nestas instalacións, resultado da evolución das Unidades Mixtas CIGAT (2015- 2018) e CIGAT BIOFACTORÍA (2018-2021) e froito da colaboración entre Viaqua e Cetaqua- Centro Tecnolóxico da Auga, co financiamento da Xunta de Galicia a través da Axencia Galega de Innovación.

O director de Viaqua, Nicolás Esmorís, presentou o modelo pioneiro de colaboración público-privada que deu lugar no 2011 á Fundación Centro Galego de Investigacións da Auga (Cetaqua Galicia), impulsado por Viaqua, xunto á Universidade de Santiago de Compostela (USC) e o Consello Superior de Investigacións Científicas (CSIC), co propósito de crear novas solucións de I+D+i que garantan a sostibilidade e eficiencia do ciclo da auga, tendo en conta as necesidades da comunidade galega.

Esmorís destacou como “Viaqua e Cetaqua traballan cara a descarbonización de Galicia a través da transformación de depuradoras a ecofactorías, impulsando a recuperación e a valorización dos recursos, como se está facendo na Ecofatoría de Ourense”.

Cetaqua Galicia, un centro catalizador de talento

A xerente de Cetaqua Galicia, Teresa Alvariño, explicou os ámbitos de innovación nos que está traballando o centro para responder aos retos actuais do territorio, como a descarbonización, a sostibilidade ou a dixitalización do ciclo da auga, entre outros. “Cetaqua Galicia actúa como catalizador de talento: actualmente integran o centro tecnolóxico 28 profesionais, dos cales 11 son doutores/as e 5 están realizando o seu doutoramento industrial en colaboración xunto á Universidade de Santiago de Compostela“, destacou a xerente.

O peso de CIGAT Circular na transición ecolóxica e dixital de Galicia

Durante a visita presentouse o Centro Mixto de Investigación CIGAT Circular, a aposta de Viaqua e Cetaqua co financiamento da Xunta de Galicia a través de Gain, para contribuir á transición ecolóxica e dixital grazas á promoción de estratexias para a descarbonización da industria e á aplicación de modelos de negocio circulares no territorio galego. Antón Taboada, investigador do proxecto, amosou ao conselleiro e á directora de Gain as plataformas experimentais localizadas na Ecofactoría de Ourense nas que CIGAT Circular desenvolve parte da súa actividade. Tamén se ensinaron algúns bioprodutos de alto valor engadido que se están estudando e que proceden da Ecofactoría de Ourense, promovendo así modelos circulares de aproveitamento dos recursos dispoñibles.

O conselleiro de Ciencia salientou a contribución deste centro mixto á economía circular e á sustentabilidade, en liña coas prioridades de Europa e da política de I+D+i da Xunta de Galicia. Así mesmo, Rodríguez subliñou o carácter estratéxico desta alianza entre un organismo de investigación e unha empresa co obxectivo de desenvolver conxuntamente actividades de I+D+i en ámbitos prioritarios para Galicia, como é o medioambiental, impulsando así a transferencia dos resultados da investigación ao tecido produtivo e a atracción de empresas cara a nosa Comunidade. Por último, destacou o papel impulsor de talento do centro, no que traballan actualmente 11 profesionais altamente cualificados.

Ademais, deuse a coñecer en primicia o que será o primeiro Punto de Recarga de Auga Rexenerada da comunidade galega, AQUARGA, desenvolto no marco do Centro Mixto co obxetivo de facer fronte á escaseza hídrica e mellorar a resiliencia dos territorios.

Share:

More news

CIGAT Circular: Contribuíndo á descarbonización de Galicia

O Centro Mixto de Investigación CIGAT Circular propón un modelo integral para converter os residuos de orixe industrial, urbano, agrícola... View Article